ADESTRAMENTO

PERSOAL

Este servizo ofrece a máxima atención e personalización do adestramento sexa cal sexa o teu obxectivo, poñendo a miña experiencia e coñecementos á túa disposición. Neste percorrido amosareiche o camiño para conseguir outros logros que  probablemente non buscabas nin esperabas acadar, así como un estilo de vida saudable.

Non é cuestión de modas, é cuestión de saúde. Cada corpo é diferente e cada un ten as súas necesidades, por iso se realiza unha valoración inicial e un seguimento da evolución de forma periódica.

Pide información para beneficiarte deste servizo de forma non presencial.

GRUPOS DE

PREPARACIÓN DE OPOSICIÓNS

Consegue superar as probas físicas camiñando xunto a outras persoas co teu mesmo soño, sempre en grupos reducidos (máximo 6 persoas), feito que favorece un seguimento máis personalizado. Aprovéitate da motivación grupal e de adestramentos específicos dirixidos á consecución de ditos obxectivos.

Ninguén di que este será un camiño fácil pero se posuímos os dous ingredientes básicos, unha actitude positiva e unha correcta planificación, conseguiremos superar os obstáculos e lograr o obxectivo.

GRUPOS

REDUCIDOS

Grazas a esta fórmula poderás mellorar a condición física, coas vantaxes motivacionais, sociais e económicas que ten o adestramento en grupo. Este servizo plantéxase en grupos tan reducidos (máximo 6 persoas) para axudarche a conseguir o teu obxectivo específico, como pode ser  desfacerse da dor de costas, que tanto afecta a  unha gran parte da poboación, ou a mellora da composición corporal.  Os grupos reducidos favorecen que o grao de atención do adestrador sexa moi alto co propósito de que todos @s compoñentes do grupo fagan un adestramento seguro, eficaz e eficiente.

Se polo desenvolvemento da túa xornada laboral,  a oferta de quendas ou calquera outra situación non podes  comprometerte a vir todas as semanas á mesma hora, pídenos información e buscarémosche unha solución que se adapte ás túas posibilidades.

GRUPOS DE

PREPARACIÓN DEPORTIVA

Sesións para un grupo cun máximo de 6 persoas, con niveis e/ou idades similares. Estas sesións están concibidas para que se interactúe entre o grupo, para que se ofreza e se reciba apoio dende todas as partes que conforman o grupo, aumentando enormemente, por mor deste feito, o tempo de práctica. Nestes grupos non só se plantexa a próxima competición como obxectivo, senón tamén o coidado da saúde e a mellora do rendemento físico a curto, medio e longo prazo.

Hai diferentes motivos que poden provocar que as horas de adestramento nun club non sexan suficientes para acadar os obxectivos persoais. Ás veces débese á falta de recursos do club, outras,  simplemente, a que os obxectivos de ambos son diferentes. Se ti es d@s que queres máis e queres sacar o mellor de ti, aprovéitate da paixón que compartes en común con outros deportistas para facer sesións máis dinámicas e optimizar os teus adestramentos.

PREPARACIÓN FÍSICA

DEPORTIVA INDIVIDUALIZADA

Sesións individuais nas que se estuda o teu propósito, a túa disciplina deportiva e  onde se planifican os adestramentos adecuados ós obxectivos que se marquen, como a prevención de lesións ou o aumento do rendemento. Serei un membro máis do teu equipo de traballo, coa posibilidade de coordinarme co teu adestrador/a e planificar así, dunha forma máis eficiente, o camiño na consecución dos teus obxectivos.

READAPTACIÓN DE

LESIÓNS

Quizais por esa limitada concepción da saúde, na que se entende saúde como falta de lesión ou como enfermidade, o momento no que máis importancia lle damos ó noso corpo é cando algo empeza a fallar. Axudareiche a recuperar a funcionalidade anterior á lesión e a tratar de que non se repita esa ou aparezan outras novas.

As claves aquí serán a paciencia, a constancia e o traballo ben feito. Pero lembra, se aínda non estás nese punto, que a prevención é a mellor medicina.

GRUPOS DE

RUNNING

As grandes preocupacións da maioría da xente ó empezar a correr son: “é que nunca corrín”, “é que non teño con quen saír correr”, “é que non dou seguido o ritmo”, “é que é moi aburrido”, “é que non sei correr”…Tan só tes que buscar unha razón para empezar,  as demais preocupacións desaparecerán.

Aquí empezamos de cero e estamos tod@s no mesmo barco. O único obxectivo é desfrutar do deporte cunhas boas zapatillas e cun bo grupo. Pero o “running”, tan de moda actualmente, non só consiste en poñer as zapatillas e correr. Tan importante é a motivación por correr, facer cada vez máis km ou ir cada vez máis rápido, como a técnica de carreira e a prevención de lesións.